Administra tu Blog

¡Crea tu Blog Ya! Fácil y Gratis

Archivo: Julio 2008

Desecada unha barreira no espazo natural das Gándaras de Budiño

val 18/07/2008 @ 12:46

Verdegaia denuncia que foi desecada a barreira do Cerquido no espazo natural das Gándaras de Budiño e Ribeiras do Louro. A pesar de estar incluída no Catálogo de Zonas Húmidas da Consellería do Ambiente e de ser o hábitat do sapoconcho clasificado en perigo de extinción.

 

Nos últimos días foi desecada a barreira* do Cerquido no espazo natural das Gándaras de Budiño e Ribeiras do Louro. A pesar de estar incluída no Catálogo de Zonas Húmidas da Consellería do Ambiente e de ser o hábitat do Emys orbicularis -un sapoconcho clasificado en perigo de extinción no Catálogo Galego de Especies Ameadas e de interese comunitario na Directiva Habitats (92/43/CEE)- unha draga succionou toda a vida alí presente (agás un sapoconcho capturado previamente e trasladado a outra barreira). Ante estes factos Verdegaia quere manifestar que:

Fotografías da barreira do Cerquido no ano 2003 e na actualidade.

foto_da_barreira_do_cerquido_desecada_na_actualidade.jpg

barreira_do_cerquido_ano_2003.jpg

  1. A barreira do Cerquido é un espazo natural de alto valor ecolóxico que formou parte da Rede Natura até o ano 2004 cando a Consellería e Ministerio do Ambiente cederon aos intereses especulativos de varios particulares da zona, encabezados por J.J. Gradín.
  2. Nese mesmo ano construíuse sen autorización unha estrada de terra encol da turbeira e gándara do Cerquido (hábitat prioritario) e un muro que incomunicou a barreira do Cerquido e a turbeira. Estes feitos foron denunciados mais a Consellería do Ambiente di non ser competente e a de Política Territorial nin sanciona nin obriga a restaurar o lugar ao seu estado anterior.
  3. Descoñecemos a legalidade da explotación de arxila propiedade do señor Gradín (a delegación de Pontevedra do Servizo de Xestión Mineira da Consellaría de Innovación e Industria oculta información á propia Consellería do Ambiente) porén sabemos que a explotación:
    • foi sancionada hai anos por botar residuos alleos á explotación sobre barreiras nas que moraban sapoconchos (a maioría non puideron ser salvados a tempo),
    • estivo durante moitos anos parada, sen que Xestión Mineira dictara a súa caducidade,
    • ao finalizar a explotación o propietario pretende achairar a superficie e conseguir a reclasificación do chan (actualmente Solo Rústico de Protección de Espazos Naturais) como terreo industrial, o que incumpriría a obriga de restaurar a zona ao seu estado anterior ou ao que lle esixa a Consellaría do Ambiente.
  4. Que esta e outras desfeitas impunes executadas nos últimos anos supoñen a progresiva desaparición da flora, fauna e hábitats deste espazo protexido só sobre o papel.
  5. Responsabilizamos da situación actual pola súa pasividade e incompetencia aos señores Rogelio Fernández, Xosé Benito Reza e Pachi Vázquez: Subdirector e Director Xeral de Conservación da Natureza e Conselleiro do Ambiente, respectivamente.
  6. Afirmamos que a barreira do Cerquido e a súa contorna son recuperábeis. É imprescindíbel que a Consellaría do Ambiente reincorpore eses terreos á Rede Natura e que a Consellaría de Innovación e Industria paralice a explotación en vista das numerosas irregularidades e dos danos que está a ocasionar.

Barreira*: lagoa de orixe artificial formada tralo abandono das explotacións de áridos.


Miles de persoas maniféstanse en Vigo para alertar da 'destrución' que sofre a ría

val 07/07/2008 @ 13:45
 


25052008_3.jpgMiles de persoas convocadas pola plataforma 'A Ría non se vende', da que forma parte Verdegaia, déronse cita hoxe co fin de protestar contra a 'destrución' e as 'desfeitas' que sofre a ría de Vigo. A manifestación contou co apoio da rede 'Galiza non se vende'. Podes ver dous vídeos nesta noticia.

A manifestación saíu hoxe, ás 12.00 horas, desde a Praza dá Estrela até o barrio de Bouzas da cidade olívica rexeitando a ampliación do porto, a construción da macrodepuradora, dos portos deportivos e reclamando 'unha ría limpa'.

Neste sentido, un membro da asociación 'Bouzas Móvete', Duarte Ferrín, ironizou en declaracións a Europa Press a achega do 'consenso' que o rexedor local, Abel Caballero, destacou da cidadanía de Vigo. Precisamente, celebrou o 'éxito total' da convocatoria para que a Administración 'tome nota e vexa que non hai tal consenso'.

25052008_1.jpg Ademais, reivindicou 'unha ría limpa para goce de todos' e non un 'plan Nouvel' que sitúe unha torre no medio da Ría con centros de lecer, espazos de talasoterapia e hoteis, entre outros. Por iso, aplaudiu que a xente 'estea concienciada' e 'plante cara á pouca vergoña' do Goberno local e da Xunta.

Canto ás demais actuacións, considerou que a ampliación do porto en 230.000 metros cadrados é unha 'privatización' dun espazo 'de todos' e un modo de utilizar o litoral como un 'almacén'. Do mesmo xeito, interpretou que a medida anunciada de triplicar o número de amarres co obxectivo de 'captar demarcacións do norte de Portugal e doutros países para que pasen os invernos' en Vigo é produto 'dunha mala xestión', porque os amarres son 'suficientes'.

Para rematar, con respecto á construción dunha nova macrodepuradora en Lagares (Vigo), o propio Ferrín manifestou a súa posición contraria a esa planta. Así, defendeu a construción de pequenas depuradoras distribuídas polo territorio, e avogou pola implantación de mecanismos adecuados para a separación de augas pluviais, fecais e procedentes das industrias.

A manifestación defendeu a "explotación pesqueira e marisqueira fronte á especulación urbanística e industrial".

A marcha contou con asistentes dos 16 colectivos que integran "A ría non se vende", aos que se sumaron outros procedentes de diversos puntos de Galicia, como O Ribeiro ou Ferrol.

Á súa chegada a Bouzas, as organizacións leron un manifesto no que avogaron pola preservación da ría de Vigo como fonte de vida, traballo e riqueza natural, o mantemento de máis de 15.000 postos de traballo que dependen directamente dos recursos produtivos da ría e a eliminación da "contaminación actual" mediante un control de verquidos ou a utilización de sistemas de depuración.

Así mesmo, pediron a paralización inmediata dos proxectos de recheo previstos pola Autoridade Portuaria, ademais de pór "punto final" á instalación de máis portos deportivos na ría.

A rede de colectivos avoga por unha "consideración efectiva da ría de Vigo como un ben público de goce colectivo, mediante a conservación da súa paisaxe e forma de vida, fronte á destrución da natureza a mans de intereses políticos e particulares".

Verdegaia pide ampliar o LIC (espazo protexido) das Gándaras de Budiño e Ribeiras do Louro

val 07/07/2008 @ 13:40
Verdegaia acaba de apresentar perante a Consellaría do Ambiente unha proposta de ampliación do LIC das Gándaras de Budiño e Ribeiras do Louro. Alarmados pola redución da superficie do LIC nun 25% desde o ano 1999, pola degradación sufrida na maioría dos Hábitats de Interese Comunitario -fundamentalmente aterramentos de turbeiras, lagoas e bosques de ribeira- e polas planificacións urbanísticas municipais que prevén a eliminación de máis bosques de ribeira e gándaras, a creación de novas áreas industriais ao carón do Camiño Portugués e o aterramento de parte da lagoa de Budiño para permitir o crecemento do polígono industrial das Gándaras;
Upload Geek - Free Image Hosting

a nosa asociación co apoio da AHE (Asociación Herpetolóxica Española) redactou un documento no que sinala que a superficie mínima a facer parte da Rede Natura para garantir o futuro deste espazo natural é de 872 hectares (actualmente son 727) sempre e cando a Consellaría comece a xestionar o LIC.