Verdegaia e a Asociación VAL-Amigos do Medioambiente colocarán un stand informativo na Praza do Concello do Porriño (ou Pio XII) o vindeiro sábado 27 a partires das seis da tarde para divulgar os interesantísimos valores naturais e a enorme cantidade de desfeitas que padece o L.I.C. das Gándaras de Budiño e Ribeiras do Louro.
Entre os valores naturais que alberga o L.I.C. das Gándaras de budiño e Ribeiras do Louro están Hábitats prioritarios segundo a Directiva hábitats como as turbeiras, os bosques de ribeira (aquí atopamos o máis extenso de Galicia), Hábitats de interese comunitaria como as breixeiras húmidas, varias especies moi ameazadas e cunha área de distribución moi restrinxida en Galicia como o sapoconcho común (Emys orbicularis), ou parrulos como o charneco común (Anas crecca) que atopa nas Ribeiras do Louro o seu único punto de cría regular na Península Ibérica. Ademais, as Ribeiras do Louro constitúen unha das tres zonas húmidas interiores máis interesantes de Galicia.
No tocante ás desfeitas que padece este espazo natural salienta a contaminación do río Louro malia que existe unha E.D.A.R. construída xa en 2006 para atallar este problema e que aínda está sen funcionar polo desleixo de diferentes administracións: Consellaría de medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, Confederación hidrográfica do Norte, e Concellos do Porriño, Salceda de Caselas e Tui. Outros problemas ambientais son a perda de superficie protexida do L.I.C., a falla da posta en marcha do Proxecto de restauración, conservación e uso público deste espazo natural aprobado en 2007 polo Ministerio de Medio Ambiente, o estado ruinoso do Centro de Interpretación da Natureza que custou perto de oitenta milóns de euros, o lixo que aparece espallado polo lugar e as agresións que se suceden de xeito impune e repetido.
Centro de interpretacion ambiental das Gandaras en situacion de abandono
Ademais, no trascurso deste acto dará comezo unha campaña de recollida de sinaturas para esixir a axeitada protección do L.I.C. “Gándaras de Budiño e Ribeiras do Louro”. Dende Verdegaia e V.A.L. esiximos a protección do L.I.C. das Gándaras de Budiño e Ribeiras do Louro mediante o estricto cumprimento da lexislación vixente. Así mesmo, esiximos a inmediata posta en funcionamento da depuradora de Guillarei, a recuperación da superficie incluída na Rede Natura até un mínimo de 872 hectares, a licitación do Proxecto de restauración, conservación e uso público deste espazo natural aprobado en 2007 polo Ministerio de Medio Ambiente e o equipamento e apertura do Centro de Interpretación da Natureza de Orbenlle.